Arquivo da categoría: avaliación

Exame sorpresa

Hoxe púxenlles ós meus alumnos de segundo (na materia Tradución xeral inglés-alego) un exame sorpresa. Foi máis longo ca os exames que adoito poñer eu, e eles sabíano; dinlles 90 minutos para facelo, menos tempo do habitual, e sabíano tamén. Así e todo aceptaron facelo, aceptaron someterse a un exame longo e difícil en condicións precarias: non tiñan todalas súas ferramentas de consulta, só o ordernador.  E a verdade é que malia a situación tan particular, remataron todos eles moi ben a proba. Porque?

Porque cando lles anunciei a sorpresa non mencionei a palabra exame e indiqueilles que, de rematar ben a proba, levarían un punto extra na cualificación final da materia, pero de non lle dar cabo correctamente non terían penalización. Un só punto. É certo que pode marcar a diferenza entre un aprobado e un suspenso, pero isto non é habitual nos meus exames. Un punto non adoita ter unha grande relevancia na avaliación, pero é un reforzo positivo.

Estou convencido de que o feito de saberen que non corrían risco de que se lles aplicase unha penalización fixo que traballasen con menos nervios e máis confianza nas súas propias capacidades.

Isto estame a facer pensar moito no valor dos exames, que é o que miden, con que parámetros, en función de que e con que obxectivo.

Rematou o curso

Rematou hoxe o curso de actividades asíncronas e a miña valoración é moi positiva. Os profesores, excelentes. A Albert xa o coñecía da edición anterior do curso “básico” e el foi un dos motivos polos que me matriculei nesta versión “avanzada”. De Marcelo quédome tamén cunha moi boa impresión, como docente e como persoa. Sentín que Lourdes non puidese vir nesta ocasión, pero noutra será.

Canto ós contidos do curso, quedei moi satisfeito, respondeu ás miñas expectativas. Sabía pola miña experiencia do curso básico que non ía atopar receitas para organizar a docencia, senón consellos, recomendacións e comentarios sobre as miñas (nosas) propostas de traballo. E isto é a fin de contas o que nos axuda a mellorar e a ir superando atrancos. Aprezo moitísimo na edición deste ano que tivesemos a oportunidade de coñecer máis polo miúdo as propostas de actividades dos compañeiros da nosa universidade. De todos eles quedei coas gañas de saber máis e ver con máis detalle a aplicación dos casos á práctica, pero supoño que teremos máis oportunidades de facelo no futuro, se cadra no blog do curso, como propuxo Albert na sesión de conclusións.

Agora que comezamos coa implantación dos graos e que Boloña é xa unha realidade, creo que a universidade debería de facer un esforzo maior aínda para organizar máis cursos, encontros, xornadas, sesións de traballo, etc. sobre casos prácticos nos que os profesores poidamos intercambiar e debater os nosos métodos de traballo. Para quen máis, para quen menos, estes próximos anos van ser un salto no baleiro que enfrontamos con dúbidas e inseguridades. Saber que os demais teñen as mesmas dúbidas é un bo punto de partida para superar as nosas inseguridades e se por riba aprendemos das experiencias dos colegas, como neste curso, estaremos en mellores condicións de enfrontar estas novas metodoloxías docentes.


Outra das cousas que aprendín (ou mellor dito confirmei) neste curso é que non hai quen goce máis falando ca un profesor 😉 a todos nos faltou tempo para as nosas presentación. E todas eran ben interesantes, por certo. Como dixo Silvia esta mañá, sería bo que todos nós puxésemos as nosas presentacións a disposición dos demais para podérmolas ler con máis calma e polo miúdo. Velaí a nosa (de Xavier e miña), que acabo de colgar en slideshare:

Presentación das actividades A2 e A3

Xavier e mais eu acabamos de rematar o ppt coa presentación das actividades A2 e A3 para expolas mañá na derradeira sesión do curso. A verdade é que escoitar as presentacións dos compañeiros foi de moita axuda, xa que todos eles tocaron puntos que para min eran conflitivos e mesmo nalgún caso me fixeron ver problemas que eu non detectara. Estas exposicións e debates sobre o traballos son moi útiles porque nos axudan a pensar en voz alta e con certa distancia sobre o noso traballo.

Repasando agora a actividade que propoñemos doume conta de que é demasiado ambiciosa para unha única unidade, polo menos na súa aplicación dentro da materia de Antropoloxía. Tereina que reducir e axustala mellor ó tempo que lle podo dedicar a este tema; ou ben, dado que é unha actividade transversal ó temario da materia, aplicala a varias unidades distintas: dentro da tradución editorial podemos incluír non só a tradución de textos literarios, senón tamén científicos, de turismo, xurídico-administrativos, etc., dos que nos ocupamos noutros temas do curso.

Podemos ver a actividade A2 e a rúbrica cos criterios de avaliación propostos (A3) aquí.

Conclusións… polo de agora

Despois das últimas lecturas dos artigos publicados no monográfico de RED sobre portafolios, vexo moi factible o uso do portafolio como ferramenta para fomentar a reflexión do alumno sobre a materia e sobre o proceso de aprendizaxe, pero non estou nada convencido do seu uso como ferramenta de avaliación.

Se o portafolio reúne os exercicios dos que o alumno está máis satisfeito, entón, como moito, é redundante con outros indicios que o profesor xa debe posuír, sexa de xeito directo (p.ex., corrección de exercicios entregados polo alumno), sexa de xeito indirecto (resultados da corrección por pares, entre alumnos).

En todo caso, interésame moito a aplicación do portafolio como versión mellorada do caderno de campo do alumno-tradutor, no que cada quen deberá ir anotando as súas impresións, dúbidas, pensamentos e reflexións non só sobre os exercicios e actividades propostas, senón sobre a tradución en xeral. Pero entón o portafolio ou cartafol non buscará a corrección das intervencións do alumno, senón só a súa participación activa no proceso de ensino-aprendizaxe.

Máis lecturas, máis dúbidas

A ficha metodolóxica “El portafolio del estudiante” da Universidade Miguel Hernández tampouco me tira as dúbidas. Din os autores que co portafolio podemos “emitir una valoración lo más ajustada a la realidad que es difícil de adquirir con otros instrumentos de evaluación más tradicionales que aportan una visión más fragmentada”. Supoño que se refiren a avaliación mediante exames e niso estou totalmente de acordo, pero como podemos pensar que a visión subxectiva dunha persoa sobre si mesma e os seus traballos e progresos é (máis) veraz e (máis) axustada á realidade? Debemos ter plena confianza en que o autor do portafolio é absolutamente sincero e honesto, senón non ten sentido empregalo.

Curiosamente, entre os obxectivos do portafolio, non citan os autores a avaliación, senón guiar os estudantes na súa aprendizaxe, estimulalos para que melloren, fomentar o desenvolvemento individual, reflexionar sobre o que aprende, etc Para estas cuestións si me parece unha boa ferramenta, polo que se podería ter en conta como un exercicio máis que se avalía, pero non como un instrumento para medir o progreso da aprendizaxe.

Por outra parte, o artigo “Relaciones entre aprendizaje, cognición y tecnologías en la construcción del e-portafolio” confirma as miñas impresións de que o portafolios é un instrumento de aprendizaxe que fomenta a reflexión, a interiorización do aprendido e a autoavaliación. De feito, neste artigo preséntanse extractos de entrevistas a dous estudantes que empregaron o portafolios e entre as súas palabras repítense moito reflexión, organización, estruturación, interiorización… De feito, entre as conclusións do estudo, os autores destacan que

La elaboración del portafolio les ha permitido relacionar, sistematizar y organizar los contenidos, y hacer un análisis crítico de ellos. En la medida que los estudiantes pueden dar sentido a su aprendizaje, éste se convierte en significativo y funcional.
Con la construcción de la carpeta, los estudiantes han sido conscientes de su proceso de aprendizaje y las competencias adquiridas. Han sido capaces de explicitar sus avances y las dificultades (planificación de tareas, organización de la información, gestión del tiempo, toma de decisiones, reflexión, metacognición, corresponsabilidad, diálogo y negociación, autorregulación, etc.).

Este uso do portafolio paréceme moi interesante. De feito non está moi lonxe dalgunhas das actividades que adoitamos facer na licenciatura (e agora no grao) en tradución e que se basean fundamentalmente na reflexión por escrito sobre un traballo realizado polo alumno. A diferenza fundmental é que estas actividades teñen unha duración máis limitada no tempo e somos os profesores os que determinamos o tódolos parámetros.

A idea dun portafolio ou blog no que ó longo de todo o curso o alumno reflexione sobre o seu traballo, as clases, os seus progresos e calquera cuestión relacionada cos contidos da materia paréceme moi útil. É semellante ó caderno de campo (pero este de papel)  que emprega cos seus alumnos un compañeiro do departamento.

Teño que ver que posibilidades ofrece Moodle para integrar un blog para cada alumno, aínda que tamén o poderían facer en blogs externos.

Avaliación e calidade

Acabao de ler o artigo de Buela-Casal e o seu equipo sobre o Ranking de 2009 en investigación de las universidades públicas españolas (resumido aquí) no que se presentan 48 das 74 universidades españolas clasificadas segundo distintas categorías: artigos publicados no ISI, tramos de investigación, proxectos de I+D, número de teses, bolsas FPU, doutoramentos con mención de calidade, patentes e, por último, un ránking global.

Ademais do evidente interese que estas clasificacións teñen posto que nos comparan cos centros universitarios da nosa contorna, paréceme especialmente importante, e relevante para o tema da avaliación que nos ocupa neste blog, a reflexión introdutoria sobre os criterios cos que se debe encarar calquera proceso de avaliación: capacidade de discriminación dos criterios, comparabilidade dos suxeitos avaliados, publicidade dos criterios empregados, repetición periódica da avaliación, verificación dos criterios e da avaliación por parte de expertos alleos, entre outros.

Pola parte que nos toca, a nosa universidade queda moi ben situada: no posto 23 na clasificación xeral, pero chega a estar no 11 na clasificación por patentes e na 13 na listaxe de doutoramentos con mención de calidade e de artigos publicados en revistas do ISI. Noraboa polo que nos toca!!