Arquivo da categoría: imaxe dixital

Howard Rheingold: Social Media, Participative Pedagogy, and Digital Literacies

Hai un tempo que veño seguindo a Howard Rheingold no twitter (@rheingold) e fun tirando del algunhas ideas interesantes, non todas, penso, aplicables na práctica pero atraentes como elementos de reflexión; tamén obtiven referencias bibliográficas valiosas, relatos de experiencias pedagóxicas e informacións sobre diversos acontecementos relacionados cos medios sociais e a didáctica. Debe ser un deses gurús (ou guruses 😉 ) que tanto abundan na rede, pero o certo é que este home de rechamantes chaquetas e floridas camisas achega en moitas ocasións cuestións nas que paga a pena pararse a pensar.

Por unha parte creo que moitos destes gurús teñen o único mérito de seren os primeiros en enunciar verdades de pé de banco… ou dos primeiros en repetilas; quero dicir, que non veñen a descubrirnos América, senón a indicarnos que a temos diante do nariz. Pero en todo caso iso tamén ten o seu mérito; non por seren os primeiros, senón por reflexionaren sobre aspectos básicos e sinxelos da realidade dixital na que xa vivimos, tan básicos que habitualmente nin reparamos neles.

Acábase de publicar en YouTube a conferencia “Social Media, Participative Pedagogy, and Digital Literacies” que Rheingold ofreceu no CollabTech2010 e aínda que probablemente a metade da mesma se podería obviar por demasiado elemental (sobre todo tendo en conta o foro no que se presenta), hai algúns elementos que me parecen especialmente útiles para a organización da miña docencia, tanto en cuestións moi concretas como nos criterios xerais.

1. Ensino recíproco (co-teaching): facer que os alumnos sexan corresponsables non só do seu proceso de aprendizaxe senón tamén de parte da aprendizaxe dos seus compañeiros supón elevar o nivel de responsabilidade do estudantado e polo tanto tamén o nivel de compromiso coa docencia-aprendizaxe. Rheinghold propón o seguinte exercicio: ó rematar a clase, un grupo de alumnos debe de elaborar unha listaxe de termos relacionados cos contidos da mesma que consideran importantes ou para os que precisen máis explicacións; outro grupo de alumnos encárgase de elaborar un pequeno glosario coa explicación deses termos, que deberán presentar e explicarlles ós seus compañeiros na clase seguinte durante uns 10 minutos. Esta explicación servirá ademais como refresco e recordatorio das cuestións principais da clase anterior.

2. Nivel de atención na clase: non é doado que os alumnos manteñan un nivel de atención constante ó longo da clase, sobre todo se teñen o seu portátil diante, que lles ofrece múltiples formas de evadirse. Rheingold reflexiona sobre diferentes formas de controlar o uso do ordenador na clase, aínda que insiste en que non vai fiscalizar o seu uso nin controlar a atención dos estudantes (“I was not going to police their attention”). O ordenador como factor de distración tamén me ten preocupado, pero a verdade é que deixei de darlle voltas cando sopesei os pros e os contras de que empregasen o portátil na clase; e por outra parte, creo que tamén é parte da súa formación como discentes e como futuros profesionais saberen xestionar correctamente a súa atención e o uso que fan do ordenador. Que consultan o correo electrónico durante a clase? É tan imposible de controlar como que pensen na verza mentres me miran en fite con cara de concentración e atención ;-).

3. Cinco tipos de alfabetización dixital ou competencias dixitais (digital literacies): a sociedade dixital na que vivimos, e sobre todo a contorna dixital na que nos educamos na actualidade, esíxenos cinco competencias dixitais básicas non só para tirármoslle rendemento ós novos paradigmas educativos, senón mesmo para podermos entrar a formar parte deles.

Atención: sermos capaces de centrarnos en temas concretos nunha contorna de aprendizaxe (ou de relación social en xeral) que nos ofrece constantemente moitos ruídos e elementos de distración.

Participación: tanto os procesos de aprendizaxe como as redes sociais en xeral esixen cada vez con máis frecuencia que deixemos de ser simples observadores para entrar a participar activamente.

Cooperación: ademais de participativa, a aprendizaxe é cooperativa e tira proveito da colaboración entre iguais e dos esforzos compartidos.

Uso crítico da información: a democratización da información e da rede supuxo tamén, entre outras cousas, a súa vulgarización e o aumento vertixinoso da información inútil, de aí que unha faceta imprescindible da nosa alfabetización dixital sexa aprender a discriminar a información relevante da palla. Moi significativamente, Rheingold fala de “crap detection”.

Conciencia dixital: (ou network awareness) participar na rede e nas súas relacións socials supón sermos conscientes dunha nova forma de identidade, da nosa identidade dixital. Tódalas nosas actuacións na rede, os nosos textos, fotos, vídeos, comentarios, etc. forman parte desta nova identidade. Todos, absolutamente todos eles, son rastexables, identificables e van estar sempre relacionados con nós. Calquera persoa poderá buscalos e organizalos para (re)construír a imaxe de nós mesmos que pouco a pouco imos creando.

Por todo isto, aprender a empregar os medios sociais, as redes sociais, é unha parte indispensable non só do proceso de aprendizaxe, senón  do concepto mesmo de cidanía responsable.

En realidade isto é como dicir que as TIC non só son unha ferramenta didáctica, senón tamén un obxectivo de aprendizaxe, algo no que eu levo insistindo dende hai xa bastantes anos. E sen dar conferencias…

Primeira lectura: Deseño dun bo portafolio dixital

Diseñando un buen portafolio digital, de Ferrán Giménez

[Non entendo como a estas alturas aínda hai quen empregue os xerundios así nos títulos]

Prometía máis polo título e por ser unha guía para alumnos que teñen que elaborar o seu portafolio para seren avaliados. Céntrase no portafolio de empresa e no portafolio artístico, pero non fala do portafolio como ferramenta de aprendizaxe nin de avaliación.

Segundo lía ía anotando preguntas: un portafolio é un CV + actividades realizadas? é un blog de promoción persoal? é un blog sen máis?

Parécenme máis destacables os derradeiros parágrafos, nos que fala de coidarmos a nosa identidade ou imaxe dixital como estratexia de desenvolvemento e recoñecemento social. O portafolio é un

aval de las capacidades y competencias de una persona, archivo de los hitos educativos a lo largo de la vida, instrumento para canalizar el reconocimiento de saberes y experiencias, herramienta de gestión y evaluación de la actividad académica… el archivo de nuestras experiencias

De acordo, pero isto non axuda nin a elaborar o portafolio nin a empregalo como ferramenta para a avaliación do alumno. Para comezar, se se trata de avaliar o alumno, non podemos dicirlle que ten que presentar no portafolio só aquelas cousas que el desexa destacar. E non só porque o profesor deba coñecer tanto as competencias que alumno adquire como as que non, senón porque tanto o alumno como o profesor van aprender tamén dos  fracasos e dos traballos mediocres que aquel protagonice.

Espero que as próximas lecturas me rindan máis.