Arquivo da categoría: portafolio

Conclusións… polo de agora

Despois das últimas lecturas dos artigos publicados no monográfico de RED sobre portafolios, vexo moi factible o uso do portafolio como ferramenta para fomentar a reflexión do alumno sobre a materia e sobre o proceso de aprendizaxe, pero non estou nada convencido do seu uso como ferramenta de avaliación.

Se o portafolio reúne os exercicios dos que o alumno está máis satisfeito, entón, como moito, é redundante con outros indicios que o profesor xa debe posuír, sexa de xeito directo (p.ex., corrección de exercicios entregados polo alumno), sexa de xeito indirecto (resultados da corrección por pares, entre alumnos).

En todo caso, interésame moito a aplicación do portafolio como versión mellorada do caderno de campo do alumno-tradutor, no que cada quen deberá ir anotando as súas impresións, dúbidas, pensamentos e reflexións non só sobre os exercicios e actividades propostas, senón sobre a tradución en xeral. Pero entón o portafolio ou cartafol non buscará a corrección das intervencións do alumno, senón só a súa participación activa no proceso de ensino-aprendizaxe.

Advertisements

Máis lecturas, máis dúbidas

A ficha metodolóxica “El portafolio del estudiante” da Universidade Miguel Hernández tampouco me tira as dúbidas. Din os autores que co portafolio podemos “emitir una valoración lo más ajustada a la realidad que es difícil de adquirir con otros instrumentos de evaluación más tradicionales que aportan una visión más fragmentada”. Supoño que se refiren a avaliación mediante exames e niso estou totalmente de acordo, pero como podemos pensar que a visión subxectiva dunha persoa sobre si mesma e os seus traballos e progresos é (máis) veraz e (máis) axustada á realidade? Debemos ter plena confianza en que o autor do portafolio é absolutamente sincero e honesto, senón non ten sentido empregalo.

Curiosamente, entre os obxectivos do portafolio, non citan os autores a avaliación, senón guiar os estudantes na súa aprendizaxe, estimulalos para que melloren, fomentar o desenvolvemento individual, reflexionar sobre o que aprende, etc Para estas cuestións si me parece unha boa ferramenta, polo que se podería ter en conta como un exercicio máis que se avalía, pero non como un instrumento para medir o progreso da aprendizaxe.

Por outra parte, o artigo “Relaciones entre aprendizaje, cognición y tecnologías en la construcción del e-portafolio” confirma as miñas impresións de que o portafolios é un instrumento de aprendizaxe que fomenta a reflexión, a interiorización do aprendido e a autoavaliación. De feito, neste artigo preséntanse extractos de entrevistas a dous estudantes que empregaron o portafolios e entre as súas palabras repítense moito reflexión, organización, estruturación, interiorización… De feito, entre as conclusións do estudo, os autores destacan que

La elaboración del portafolio les ha permitido relacionar, sistematizar y organizar los contenidos, y hacer un análisis crítico de ellos. En la medida que los estudiantes pueden dar sentido a su aprendizaje, éste se convierte en significativo y funcional.
Con la construcción de la carpeta, los estudiantes han sido conscientes de su proceso de aprendizaje y las competencias adquiridas. Han sido capaces de explicitar sus avances y las dificultades (planificación de tareas, organización de la información, gestión del tiempo, toma de decisiones, reflexión, metacognición, corresponsabilidad, diálogo y negociación, autorregulación, etc.).

Este uso do portafolio paréceme moi interesante. De feito non está moi lonxe dalgunhas das actividades que adoitamos facer na licenciatura (e agora no grao) en tradución e que se basean fundamentalmente na reflexión por escrito sobre un traballo realizado polo alumno. A diferenza fundmental é que estas actividades teñen unha duración máis limitada no tempo e somos os profesores os que determinamos o tódolos parámetros.

A idea dun portafolio ou blog no que ó longo de todo o curso o alumno reflexione sobre o seu traballo, as clases, os seus progresos e calquera cuestión relacionada cos contidos da materia paréceme moi útil. É semellante ó caderno de campo (pero este de papel)  que emprega cos seus alumnos un compañeiro do departamento.

Teño que ver que posibilidades ofrece Moodle para integrar un blog para cada alumno, aínda que tamén o poderían facer en blogs externos.

Primeira lectura: Deseño dun bo portafolio dixital

Diseñando un buen portafolio digital, de Ferrán Giménez

[Non entendo como a estas alturas aínda hai quen empregue os xerundios así nos títulos]

Prometía máis polo título e por ser unha guía para alumnos que teñen que elaborar o seu portafolio para seren avaliados. Céntrase no portafolio de empresa e no portafolio artístico, pero non fala do portafolio como ferramenta de aprendizaxe nin de avaliación.

Segundo lía ía anotando preguntas: un portafolio é un CV + actividades realizadas? é un blog de promoción persoal? é un blog sen máis?

Parécenme máis destacables os derradeiros parágrafos, nos que fala de coidarmos a nosa identidade ou imaxe dixital como estratexia de desenvolvemento e recoñecemento social. O portafolio é un

aval de las capacidades y competencias de una persona, archivo de los hitos educativos a lo largo de la vida, instrumento para canalizar el reconocimiento de saberes y experiencias, herramienta de gestión y evaluación de la actividad académica… el archivo de nuestras experiencias

De acordo, pero isto non axuda nin a elaborar o portafolio nin a empregalo como ferramenta para a avaliación do alumno. Para comezar, se se trata de avaliar o alumno, non podemos dicirlle que ten que presentar no portafolio só aquelas cousas que el desexa destacar. E non só porque o profesor deba coñecer tanto as competencias que alumno adquire como as que non, senón porque tanto o alumno como o profesor van aprender tamén dos  fracasos e dos traballos mediocres que aquel protagonice.

Espero que as próximas lecturas me rindan máis.

Lectura: Portafolios electrónicos y educación superior en España: Situación y tendencias

[Portafolios electrónicos y educación superior en España:
Situación y tendencias
]

Esta lectura aclárame un pouco máis algúns conceptos, pero tampouco fala de aplicacións prácticas. A presentación que fai do portafolio como ferramenta de autoaprendizaxe e de avaliación convence dende o punto de vista argumentativo: reunir nun único receptáculo tódolos logros acadados ó longo dun curso ou do seu período de formación é, dende logo, o mellor xeito que ten o estudante de amosar unha evolución, puntos fortes da súa formación, etc. Pero falta saber como o profesor debe avaliar o que estudante conta de si mesmo.

Din os autores que

De modo general, podemos decir, que se trata de una colección de documentos que pueden ser mostrados como evidencias del proceso de aprendizaje y los logros de un sujeto. En ese contexto tiene la doble función de:
– recoger y reflejar las experiencias de aprendizaje y logros más significativas de una persona (estudiante, profesional, trabajador…) de forma continuada.
– informar de forma clara sobre el nivel de competencia y de otras experiencias importantes a lo largo de su aprendizaje o de su carrera.

Pero loxicamente o estudante non pode ser o único referente para informar sobre o seu nivel de competencias. Non me refiro por suposto a que o portafolio sexa o único medio de avaliación, senon a como definir o seu valor relativo e a súa fiabilidade dentro do sistema de avaliación. Se no portafolio só vai destacar o mellor, se cadra non é obxectivo (e mesmo non é sincero) nas súas apreciacións. Que valor ten para o profesor entón?

Nalgunha das próximas lecturas espero atopar casos prácticos de instrucións para os alumnos para que elaboren o seu portafolio, unha rúbrica (ou outro sistema) para avalialos, fiabilidade dos datos, etc.

O Portafolios. Comezo a actividade 4

Un dos puntos que de entrada me interesaban máis deste curso de ensino asíncrono (segue sen gustarme o termo e-actividade e estoutra denominación creo que pode ser axeitada) era precisamente o do portafolio. Tiña (e teño aínda a día de hoxe) unha moi vaga noción do que son pero aínda así paréceme unha boa ferramenta de traballo.

Non sei se será mellor ferramenta para o alumno ou para o profesor; quero dicir, non sei se será doado empregar a información do portafolio para avaliar o rendemento dun alumno, mesmo que o empreguemos só como complemento a outros tipos de avaliación, pero dende logo teño moi claro que é unha moi boa ferramenta para que o alumno reflexione sobre a súa aprendizaxe e as súas capacidades, cales son os seus puntos fortes e débiles. E tamén para que faga unha crítica do sistema de ensino. Como profesor, as críticas dos alumnos á miña forma de traballar parécenme fundamentais.

A oportunidade (ou obriga…)  de reflexionar sobre o propio traballo e sobre os avances que o alumno vai facendo ó longo dun curso contribuirán moi positivamente ó desenvolvemento dunha das competencias sistémicas das que intentamos dotar ós futuros tradutores: o autoconcepto de tradutor.

Kiraly (1995 Pathways to Translation. Pedagogy and Process) define o autoconcepto como

a mental construct that serves as the interface between the translator’s social and psychological worlds. The self-concept includes a sense of the purpose of the translation task, a self-evaluation of capability to fulfill the task, and a related capacity to monitor and evaluate translation products for adequacy and appropriateness. The translator’s self-concept allows for the integration of the social world of translation into the cognitive one and is a requisite for the translator’s ability to project a translation expectation.

A reflexión é, xa que logo, fundamental para desenvolver esta competencia.

Comezaremos esta actividade polas lecturas recomendadas:

El portafolio del estudiante
Monográfico da Revista de Educación a Distancia
Xornadas internacionais sobre e-portfolio
Diseño de un buen portafolio digital
Mon portfolio numérique !