Arquivo da categoría: rúbricas

Rematou o curso

Rematou hoxe o curso de actividades asíncronas e a miña valoración é moi positiva. Os profesores, excelentes. A Albert xa o coñecía da edición anterior do curso “básico” e el foi un dos motivos polos que me matriculei nesta versión “avanzada”. De Marcelo quédome tamén cunha moi boa impresión, como docente e como persoa. Sentín que Lourdes non puidese vir nesta ocasión, pero noutra será.

Canto ós contidos do curso, quedei moi satisfeito, respondeu ás miñas expectativas. Sabía pola miña experiencia do curso básico que non ía atopar receitas para organizar a docencia, senón consellos, recomendacións e comentarios sobre as miñas (nosas) propostas de traballo. E isto é a fin de contas o que nos axuda a mellorar e a ir superando atrancos. Aprezo moitísimo na edición deste ano que tivesemos a oportunidade de coñecer máis polo miúdo as propostas de actividades dos compañeiros da nosa universidade. De todos eles quedei coas gañas de saber máis e ver con máis detalle a aplicación dos casos á práctica, pero supoño que teremos máis oportunidades de facelo no futuro, se cadra no blog do curso, como propuxo Albert na sesión de conclusións.

Agora que comezamos coa implantación dos graos e que Boloña é xa unha realidade, creo que a universidade debería de facer un esforzo maior aínda para organizar máis cursos, encontros, xornadas, sesións de traballo, etc. sobre casos prácticos nos que os profesores poidamos intercambiar e debater os nosos métodos de traballo. Para quen máis, para quen menos, estes próximos anos van ser un salto no baleiro que enfrontamos con dúbidas e inseguridades. Saber que os demais teñen as mesmas dúbidas é un bo punto de partida para superar as nosas inseguridades e se por riba aprendemos das experiencias dos colegas, como neste curso, estaremos en mellores condicións de enfrontar estas novas metodoloxías docentes.


Outra das cousas que aprendín (ou mellor dito confirmei) neste curso é que non hai quen goce máis falando ca un profesor 😉 a todos nos faltou tempo para as nosas presentación. E todas eran ben interesantes, por certo. Como dixo Silvia esta mañá, sería bo que todos nós puxésemos as nosas presentacións a disposición dos demais para podérmolas ler con máis calma e polo miúdo. Velaí a nosa (de Xavier e miña), que acabo de colgar en slideshare:

Advertisements

Presentación das actividades A2 e A3

Xavier e mais eu acabamos de rematar o ppt coa presentación das actividades A2 e A3 para expolas mañá na derradeira sesión do curso. A verdade é que escoitar as presentacións dos compañeiros foi de moita axuda, xa que todos eles tocaron puntos que para min eran conflitivos e mesmo nalgún caso me fixeron ver problemas que eu non detectara. Estas exposicións e debates sobre o traballos son moi útiles porque nos axudan a pensar en voz alta e con certa distancia sobre o noso traballo.

Repasando agora a actividade que propoñemos doume conta de que é demasiado ambiciosa para unha única unidade, polo menos na súa aplicación dentro da materia de Antropoloxía. Tereina que reducir e axustala mellor ó tempo que lle podo dedicar a este tema; ou ben, dado que é unha actividade transversal ó temario da materia, aplicala a varias unidades distintas: dentro da tradución editorial podemos incluír non só a tradución de textos literarios, senón tamén científicos, de turismo, xurídico-administrativos, etc., dos que nos ocupamos noutros temas do curso.

Podemos ver a actividade A2 e a rúbrica cos criterios de avaliación propostos (A3) aquí.

Sobre a elaboración das actividades 2 e 3

A actividade 2 supoñia facer un exercicio de resolución de caso, un modelo que eu emprego en clase habitualmente. O que se me fixo novidoso e en certa medida complicado foi detallar tódolos elementos que se nos pedían. Son cousas que fago de cote mentalmente e que lles presento ós alumnos na clase como contextualización do exercicio, pero ter que redactalos supuxo un esforzo engadido. Custoume conceptualizar algún dos apartados ou fases do traballo e teño dúbidas sobre se  facelo me ha axudar a deseñar mellor futuras actividades.

Tampouco teño moi claro aínda se é indicado darlle tanta información ó alumno, porque podemos correr o risco de saturalo de información ou de afogalo en papelames. Creo que unha contextualización e explicación do caso máis breve, de palabra ou mediante un correo electrónico, unha nota en Moodle, etc.  pode dar o mesmo resultado. De feito, en moitas ocasións deseño actividades nas que non lles dou ós alumnos todos eses datos co obxectivo de que ou ben os aprendan a deducir ou ben os pregunten directamente(1).

En todo caso, onde si recoñezo que teño máis lagoas e fallos é na avaliación de moitas das actividades. A verdade é que teño sempre a sensación de non ser completamente obxectivo e equitativo, aínda que os alumnos nunca se me queixaron ó respecto. Neste sentido creo que as rúbricas me van ser de moita axuda e estou convencido de que as vou empregar a partir de agora mesmo. Precisamente hoxe fixen un taller de avaliación de competencias transversais no que, entre outras cousas, empregamos e deseñamos rúbricas, o cal complementa moi ben a actividade 3 deste curso.


(1) Un dos obxectivos da materia de Tradución xeral inglés-galego é que os alumnos aprendan a redactar encargas de tradución completas e significativas, tanto para solicitar eles traballos de tradución a outros tradutores (no caso de que teñan empregados nunha axencia de tradución, por exemplo), com sobre todo para podérenlles eles solicitar ós clientes toda a información que precisan para levar a cabo o seu traballo de forma satisfactoria. Cando asumo o papel de cliente (particular, director dunha editorial, editor dun xornal, xerente dunha axencia de tradución, etc.) adoito facer encargas incompletas para forzar os alumnos a que se dirixan a min para solicitarme información, que é algo que de entrada lles parece, por prexuízo, que non deben de facer porque, segundo eles mesmos, demostran que están a ter dúbidas.